quarta-feira, 19 de dezembro de 2007

A Literatura na Galiza (Outubro- Dezembro 2007)

Á volta do verán o panorama de edición de poesía na Galiza semellaba completamente desolado. Cumpriu agardar até avanzado novembro para poder empezar a configurar un catálogo de novidades merecente de ser difundido.

Editorial Galaxia publica na súa colección Dombate dous novos títulos. Teatriños, de Erín Moure, libro finalista do Griffin Poetry Prize 2006, un dos premios máis importantes da poesía anglosaxona. Erin Moure, é poeta canadense de orixe galega. O libro, escrito en lingua inglesa, incluía na edición orixinal doce poemas en galego. Esta edición inclúe a versión galega do resto do texto pola man da escritora e tradutora María Reimóndez. Vigo, de Helena de Carlos, é o segunda das novidades que presenta Galaxia, e o cuarto na bibliografía da autora, fina poeta de formación clásica (doutora en Filoloxía Clásica e profesora titular do Departamento de Latín e Grego da Universidade de Santiago, especializada en estudos sobre a latinidade medieval), que se deixa translucir nas referencias cultas e no agudo sentido do ritmo e da estrutura dos seus poemas.

Sae do prelo da man da editorial 3C3 unha edición completa da poesía de Luís de Aguirre, autor romántico, contemporáneo e coterráneo de Rosalía de Castro. Aparece con prólogo do tamén poeta (e tamén coterráneo, aínda que moi actual) Anxo Angueira (falamos deste autor na crónica anterior) e edición de Avelino Abuín de Tembra.

O grupo poético vigués A porta verde vén de tirar o seu primeiro volume colectivo. Algúns dos autores deste título xa publicaran traballos individuais en papel (Elvira Ribeiro Tobío, Manolo Pipas ou Alberte Momán). Outros levan tempo amosando o seu quefacer en diversos portais da rede. O volume inclúe textos destes dous autores e mais doutros seis: Abilio Rodríguez, Alfonso Láuzara, Cruz Martínez, Rosa Martínez (Rosanegra), Alfonso Rodríguez (Minus-bálido) e Luís Viñas.

A editorial Xerais edita Hai cu, que vén asinado por "O Leo". O autor, coñecido como líder do grupo de rock O Leo e Arremecághona!, ven publicando dende hai anos os textos do libro e mais multitude doutros haikus no blog homónimo. Da mesma editorial ve luz O adeus do vello mariñeiro, de X.H. Rivadulla Corcón.

Con todo, a nova máis importante desta tempada no que se refire á poesía galega son dúas reaparicións. A primeira é unha "nova" colección de poesía. Leva por nome Edoy Leliadoura e é continuadora da histórica colección Leliadoura do mesmo selo editorial Sotelo Blanco que dá vida a esta remozada criatura. Como lanzamento da colección, publícanse seis títulos: Os poemas de como se rompe todo, de Daniel Salgado, Memoria de Ahab, de Rafa Villar, Derrotas con raíces, de Modesto Fraga, Onde o ollar comeza a doer, de X. Antón L. Dobao, e dous títulos de Marica Campo: Bingo e Sextinario, trinta e seis+tres. Dirixe a colección o crítico Xesús González Gómez, célebre polas súas descarnadas recensións de poesía publicadas hai algúns anos no semanario A Nosa Terra. A segunda é a volta de Edicións Positivas que aporta unha tradución de Allen Ginsberg feita polo poeta Daniel Salgado e un libro de Moncho Iglesias, Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos.

Estes días presentouse na Coruña a obra gañadora do premio de poesía Espiral Maior, fallo ao que nos referimos na anterior crónica. O libro premiado titúlase, Profundidade de campo e é obra da recoñecida poeta Yolanda Castaño.

Tamén fallouse o premio de poesía Xosemaría Pérez Parallé que premia unha obra de autor inédito. O libro galardoado foi Debaixo de Dziga Vertov hai unha buxaina, de Valentina Carro. O xurado outorgou tamén unha mención publicación ao libro Metal central de Alfredo Ferreiro.

Finalmente, deixar constancia aquí da presentación, no marco da feria de Frankfurt, dunha antoloxía bilingüe galego-alemán de 20 poetas galegos que inclúe textos de Rosalía de Castro, Manuel Antonio, María Mariño, Álvaro Cunqueiro, Xosé María Álvarez Blázquez, Luz Pozo, Manuel María, Uxío Novoneyra, Xosé Luís Méndez Ferrín, María Xosé Queizán, Xosé María Álvarez Cáccamo, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Xavier Queipo, Miguel Anxo Fernán Vello, Ana Romaní, Marga do Val, María Reimóndez, Yolanda Castaño e Mónica Góñez. Outra antoloxía, esta vez da man da crítica literaria Teresa Seara, presentouse na feira do libro de Guadalajara. Nesta ocasión, a escolma aparece baixo o selo da revista Reverso e inclúe textos de Luz Pozo Garza, Xohana Torres, Manuel Álvarez Torneiro, X.L. Méndez Ferrín, Xosé María Álvarez Cáccamo, Xulio L. Valcárcel, Xavier Seoane, Chus Pato, Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán Vello, Eva Veiga, Olga Novo, Yolanda Castaño e Emma Pedreira Lombardía.

Eduardo Estevez

Sem comentários:

Enviar um comentário