terça-feira, 21 de agosto de 2007

Novidades da Literatura Galega

Non é o verán a mellor data para empezar esta serie de colaboracións a propósito das novidades literarias do mercado editorial galego. Un modo de letargo apodérase do noso sistema literario neste período que empeza con xuño e dura até entrado outubro.

Asunto curioso, se se ten en conta que durante o verán (sobre todo en xullo) as cidades e vilas galegas teñen as súas feiras do libro, que poderían ser espazo axeitado para a difusión de novidades. Na realidade, durante estes eventos hai poucos actos de presentación de libros e, a maioría, son de títulos publicados antes do comezo do grande silenzo estival.

É o caso de Trinta e dous dentes, de Xabier López López, finalista do Premio Torrente Ballester 2006, un dos premios de narrativa máis relevantes do país; Made in Galiza, libro de relatos de Séchu Sende; Benquerida catástrofe, nova achega de Teresa Moure, autora do multi-premiado Herba moura (2005) ou L'affiche rouge de Mario Regueira, unha novela que está a receber bo trato da crítica.

No ámbito da poesía, poucas son as novidades editoriais dos últimos meses. O nome máis salientable é o de Antonio García Teijeiro, escritor prolífico dedicado fundamentalmente á literatura para nenos e mozos que ten dous novos títulos na rúa: Petando nas portas de Dylan (Galaxia, colección Árbore), orientado a rapaces a partir dos 12 anos, e Arredor do teu corpo (Caldeirón), libro gañador do primeiro certame Illas Sisargas de poesía Erótica de Malpica. Aquí pódese ler un dos poemas de Petando nas portas de Dylan.

Anxo Angueira volve visitar os territorios da poesía con Fóra do sagrado (Xerais). Angueira é autor de versos que se declaman. Este termo, que non está de acordo cos modos actuais de realizar lecturas públicas de versos, pode aplicarse sen erro á poesía de Anxo Angueira: os seus poemas están escritos cunha clara consciencia da oralidade e cobran vigor de épica clásica cando o seu autor os enuncia en voz alta. Neste novo libro, o autor adica a súa atención a Vigo, dende a súa tradición libertaria e republicana, cun volume que non é unha colección de poemas senón un longo poema épico.

María Xosé Queizán presenta Cólera, conxunto de poemas sobre os homes loitadores. Nunha curiosa nota de contraportada, Queizán explica que a do libro é unha voz masculina xa que, de ser feminina, o título debería ser en plural. A crítica consultada dubida do éxito da empresa. A nota da contraportada demostra que a preocupación feminista da autora raia en obsesión.
Xiana Arias presentou en maio, Ortigas (Espiral Maior), gañador do premio de poesía Xosemaría Pérez Parallé para autores noveis. Xornalista, presenta neste primeiro libro unha serie sólida de poemas en prosa cunha voz que, construída con elementos do cotián, e con eles afonda na relación coa propia conciencia dun xeito novidoso e intelixente.

Outros títulos de Espiral Maior (editora galega de poesía por excelencia) publicados antes do inicio do verán son: Shakespeare mata o porco cunha rosa, de Ramón Reboiras; A ollada de Astarté, de Pura Salceda, Mar aberto, de Xosé Carlos Gómez Alfaro (Premio Cidade de Ourense 2006), As horas de María de Paco Souto (Premio Xohán Carballeira, 2006), Bergondo de Antonio Placer (trilingüe galego, español e francés).

Viron luz tamén os libros cos traballos gañadores do premio GZ-Crea: Manual do misántropo, de Xosé Antón Cascudo e un volume colectivo, Isto é un poema e hai xente detrás, que inclúe "Así" de Lucía Aldao, "Heraldos das escuras horas" de Brais González Pérez, "Aparicicón de triste" de Ledicia Costas Álvarez, "De ter un can chamarialle guenguis" de Alberte Momán Noval e "O ladrón de almas" de Verónica Martínez Delgado.

Finalmente, reseñar a aparición dun novo libro de poemas en galego de César Antonio Molina. Este coñecido autor da literatura española, actualmente Ministro de Cultura, naceu na Galiza (concretamente na Coruña). En 2006 a editorial Espiral Maior publicou unha tradución ao galego dunha antoloxía da súa obra castelá (Soños nos cantís). Agora a editorial Galaxia presenta Eume, o segundo poemario en galego do autor, despois de A fin de Fisterra (Deputación de Pontevedra, 2001).

Antes do limbo estival (e mesmo durante, ouh!) coñecéronse os libros gañadores dalgúns premios literarios: Xosé Luís Mosquera Camba obtivo o Premio de Poesía Concello de Carral con Nadja c’est moi; Alberte Momán Noval resultou favorecido coa segunda convocatoria do premio Illas Sisargas de poesía erótica co seu Baile Àtha Cliath, David Souto Alcalde acadou o Premio Fermín Bouza Brey con A árbore seca. Neste eido, resulta salientábel o resultado da edición 2007 do premio de poesía Espiral Maior que quedou nas mans de Yolanda Castaño, unha das poetas máis recoñecidas do panorama actual e, porén, moi poucas veces premiada en concursos. O libro co que alcanzou este xa prestixioso certame titúlase Profundidade de campo.

Con todo, a novidade máis salientábel na poesía galega de 2007 é Facer Merzbau non ou posible? Este traballo dos poetas David e Estevo Creus contén un pequeno poemario (ao que os autores se refiren como variacións dun mesmo texto) e un dvd cun vídeo sen son. O traballo inaugura a colección "non ou edicións" que estará adicada á publicación de obxectos artísticos. Neste volume, os irmáns Creus fan dialogar os textos coas imaxes dun xeito moi suxestivo e confirman que son dúas das voces máis orixinais, ousadas e inconformistas da poesía galega actual.
O poemario dos Creus insírese na cada vez máis asentada tendencia a utilizar os medios visuais e as novas tecnoloxías como complemento dos textos ou en diálogo con eles. Na Galiza, traballos como o de Estíbaliz Espinosa, María Lado ou Lara Bacelo son outros bos exemplos. Internet (en particular o formato blog) é o medio escollido para dar cauce a estes productos multimedia. Non ou edicións é un novo espazo de difusión para estes traballos.




Eduardo Estévez é um poeta galego que vai, a partir de hoje, e o mais mensalmente possível, colaborar com o blogue 1 9 7 9, escrevendo crónicas sobre as novidades do mundo editorial galego.

Sem comentários:

Enviar um comentário